Friday 19 de April de 2024

A Xunta leva atención gratuita en podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria ás persoas maiores de Boimorto


— A unidade móbil permanecerá ata mañá nas inmediacións do centro de saúde da localidade boimortesa

— Máis de 29.000 galegos recibiron xa coidados sociosanitaria de balde a través deste programa itinerante que percorre todos os concellos da Comunidade, agás as sete cidades

A Xunta de Galicia leva esta semana servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria aos veciños de máis idade de Boimorto, a través de Coidados porta a porta. O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou esta mañá a unidade móbil deste programa, que desde o pasado martes e ata mañá sábado está operativa nas inmediacións do centro de saúde do municipio coruñés.

Antón Acevedo explicou que con Coidados porta a porta, o Executivo autonómico leva ao carón dos fogares das persoas maiores de 55 anos servizos sociosanitarios de balde, sen necesidade de que se teñan que desprazar. Desde que esta iniciativa se puxo en marcha, xa son máis de 29.000 as persoas que acudiron aos oito autobuses que percorren toda a xeografía de Galicia, agás as sete cidades. Estes permanecen durante varias xornadas no mesmo municipio e pódese pedir cita nos números de teléfono 622 748 283 ou 623 546 992, ou ben a través do seguinte enderezo electrónico: coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.

O programa Coidados porta a porta é unha mostra máis do compromiso do Goberno galego de achegar os servizos ao carón das persoas maiores para que poidan vivir esta etapa das súas vidas onde eles prefiran. Con este obxectivo, estanse a reforzar outras prestacións públicas para que os maiores que viven en concellos pequenos teñan as atención que necesitan para seguir coas súas vidas nas súas contornas.

SAF, teleasistencia, casas do maior e xantar na casa
Así, a Xunta deu un forte impulso ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), ao que se destinan máis de 100 millóns de euros ao ano para levar coidados profesionais aos domicilios de preto de 27.000 galegos; e deseñou unha nova estratexia de teleasistencia para que, a día de hoxe, aproximadamente 10.000 maiores conten con apoios tecnolóxicos nas súas vivendas.

Ademais, puxéronse en funcionamento un centenar de casas do maior, pequenos centros de atención diúrna para favorecer o envellecemento activo e saudable nos concellos de menos poboación; e reforzouse o programa Xantar na casa, co que se leva a comida de toda a semana a 2000 fogares.